María Teresa Otero Sande
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de novembro de 1944 Lugo, España |
Morte | 21 de decembro de 2001 (57 anos) A Coruña, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Director de tese | Benito Varela Jácome |
Actividade | |
Ocupación | profesora de ensino secundario, escritora |
María Teresa Otero Sande, nada en Lugo o 2 de novembro de 1944 e finada na Coruña o 21 de decembro de 2001, foi unha profesora e escritora galega.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu na rúa Conde Pallares, filla de Teresa Otero Sande (á súa vez filla do músico Antonio Otero Lamas) e de pai descoñecido. Pasou a infancia coa nai, unha tía e unha tía avoa. Cursou os estudos secundarios no Instituto Feminino de Lugo (actual IES Nosa Señora dos Ollos Grandes) e en 1967 licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela.
No curso 1967-68 desempeñou a Cátedra vacante de Italiano na facultade compostelá de Filosofía e Letras e a de Francés no Instituto Rosalía de Castro de Santiago. Tamén en 1968, con 23 anos, aprobou en Madrid as oposicións á cátedra de Lingua e Literatura Francesa, converténdose na catedrática máis nova do estado nese momento. Rematou neste período os cursos de doutoramento.
No curso 1968-69 presentou a tese de licenciatura Contribución ao Estudo da obra literaria de Alfonso Rodríguez Castelao dirixida por Ricardo Carvalho Calero. É a primeira tese en galego dun tema vinculado a Castelao e feita por unha muller.[2]
En agosto de 1973 ocupou a cátedra de Lingua Francesa [3] do Instituto da Guía de Vigo, onde exerceu o cargo de directora, sendo a primeira muller en dirixir un centro de secundaria en Galicia. No curso 1974-75 participou solidariamente nas folgas de PNN e foi expedientada administrativamente por “actividades políticas” xunto con outros cinco profesores catedráticos de Pontevedra, catro dos cales (Carmen Arnoso Clavo, Carlos Casares, Xosé Luís Méndez Ferrín e Francisco Rodríguez Sánchez) e ela mesma terminarán sendo indultados.
Colaborou, entre outras publicacións, en Grial con artigos sobre Rosalía de Castro e Castelao,[1] na Festa da Palabra Silenciada, no semanario A Nosa Terra, no libro Galicia, ano 70[4] e en Fablas. Revista de Poesía y Crítica. Número especial dedicado a las Letras Gallegas (1971).[5]
No ano 1997 regresou a Lugo destinada ao IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, volvendo á casa natal da rúa Conde Pallares. En 1998 presentou a tese Estructuras narrativas y elaboración lingüística en cuatro novelas de Alejo Carpentier,[6] dirixida por Benito Varela Jácome.
Impartiu aulas ata o curso 2001-02 que non chegou a rematar.
Faleceu no Centro Oncolóxico de Galicia, na Coruña.
Obra
[editar | editar a fonte]- Relatos (1990). Sotelo Blanco. 123 páxs. ISBN 8478240683.
- A illa (1991). Sotelo Blanco. 150 páxs. ISBN 8478241159. Ilustracións de Ánxel Huete.
Libros colectivos
[editar | editar a fonte]- Lugo, una radiografía (1996). Coordinadora
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Ledo Cabido, Bieito (Coord.) (2002). Enciclopedia Galega Universal, 13. Ir Indo. ISBN 84-7680-301-X.
- ↑ "Bonaval acolle unha homenaxe a Castelao polo 74 aniversario do seu pasamento". La Voz de Galicia. 2024-01-07. Consultado o 2024-01-24.
- ↑ B. O. del E. n.º 189, 8/8/1973
- ↑ Galicia, ano 70 en Google Books.
- ↑ "FABLAS. Revista de Poesía y Crítica. Número especial dedicado a las Letras Gallegas. No. 25, Diciembre 1971". Iberlibro (en castelán). Consultado o 2024-01-24.
- ↑ Ficha de Estruturas narrativas e elaboración lingüística en catro novelas de Alejo Carpentier en Dialnet.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Otero Sande, María Teresa". Dicionario biográfico de Galicia III. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 51.
- "Otero Sande, María Teresa". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 671. ISBN 84-7492-465-0.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.